"Preséntoche o mundo. Preséntoche a aqueles que te precederon e o mundo do que vés, pero tamén outros universos para que teñas liberdade, para que non esteas demasiado sometida aos teus ancestros". Michèle Petit

martes, 17 de maio de 2016

LETRAS GALEGAS 2016

Manuel María Fernández Teixeiro; poeta, narrador e dramaturgo. En 1968 publicou o poemario para nenas/os Os soños na gaiola, inaugurando o xénero da poesía para nenas/os dentro do seu proxecto global de reivindación da identidade de Galiza.
En Os soños na gaiola atopamos o poema O meu burriño, ao que Suso Vaamonde puxo música e que nós quixemos cantar...esta é a nosa aportación...


Velaí "A carta aos Nenos" que escribiu o poeta para o comezo do libro:
"Queridos nenos:
Un servidor, que xa ten canas e un gran bigote que lle comeza a pesar, vai para vello. Nas súas horas de soedade lembra a súa lonxana infancia campesiña. Destas lembranzas foron nacendo os versos que seguen. Os versos que este humilde autor botou de menos cando el era neno. Versos que, por outra banda, non había na literatura galega e que tan precisos son. Eu quixera encher, en parte, ese oco. Perdoádeme si non acertei.
E moitas gracias a vós, nenos, a todos os nenos, cando escribín estes poemas volvín de novo á miña infancia. E coa lonxana música da miña infancia, que ía durmindo dentro de min que espertou de novo, compuxen estes versos. 
Que sexan do voso agrado.
Voso amigo sempre, 
                                       Manuel María".


As mestras e mestres principiaron a utilizar Os soños na gaiola como un complemento didáctico para a introdución do galego nas escolas.  Moitas/os artistas acudiron axiña á música destes versos, pero Suso Vaamode entendeu a obra dun xeito pleno. No ano 78 publicou un doble LP co mesmo título do libro. Vintecinco poemas musicados de Manuel María que constitúen, tamén, o fito fundacional da música das cativas e cativos en Galiza.

O poeta segue moi vivo na música infantil, algúns exemplos...

Libro disco de Pirilampo editado por Galaxia que achega a poesía de Manuel María á xente miúda. Unha moi boa selección de poemas (A natureza, O vento, A fala, Anduriñas, Neve ou o propio Teatro de Guiñol), coas ilustracións de Iván R, fan desta obra unha pequena xoia.

Reedición do disco de Suso Baamonde no que lle pon música á poesía de Manuel María. Está publicado por Senén Baamonde. Un clásico que non deixa de gustar á cativada.

Fran Amil e a tribo incomprensíbel poñen música á poesía de Manuel María nesta obra editada pola Mesa pola Normalización Lingüística. Para mover o corpo a ritmo de rock!

Todo me fala de ti 

Pertencente ao libro-disco Canta o Cuco, de Uxía e Magín Blanco
Vídeo en clave poética no que unha nena ensina a beleza da nosa terra a un ser tenro e diferente que se sorprende coa marabilla da natureza e coa alegría dunha nova amizade. Dedicado a Manuel María, que nos ensinou tanto sobre nós e sobre Galiza.
Letra, música e voces: Uxía e Magín Blanco
Guitarras: Guillerme Fernández e Magín Blanco
Acordeón: Santi Cribeiro



Ningún comentario:

Publicar un comentario