"Preséntoche o mundo. Preséntoche a aqueles que te precederon e o mundo do que vés, pero tamén outros universos para que teñas liberdade, para que non esteas demasiado sometida aos teus ancestros". Michèle Petit

luns, 5 de febreiro de 2018

O CASAMENTO DOS PAXARIÑOS

O día 2 de febreiro, di a tradición galega que é o día que casan os paxariños.

Estamos ante unha das festas do ciclo da invería, que ten lugar xusto na metade do inverno e que prepara a inminente chegada da primavera e, con ela, o renacer da natureza. Coa cristianización, que absorbeu canta celebración puido, convertiuse na Candeloria e traduciuse no costume de acender candeas.

Este día sinala o retorno das aves migratorias e os cortexos que preludian o renacer da primavera. "É unha data adicada ao amor e á fecundidade, os paxaros serven como referencia de observación da natureza e como obxectos de construción simbólica", segundo sinala o antropólogo Rafael Quintía.

O noso refraneiro popular tamén lembra que "a partir da Candeloria, ninguha ave voa soa".

A Candeloria tamén serve para anunciar a chegada máis ou menos próxima da primavera: "Cando a Candeloria chora, o inverno xa vai fóra; cando a Candeloria ri, o inverno está por vir". Prevé a chegada inminente da nova estación (ou non).

En Galicia é unha tradición que aínda segue viva na memoria sobre todo do rural, pero que se non se actualiza corre perigo de desaparecer ao igual que outros costumes e lendas.

Na nosa clase tamén celebramos que estamos na metade do inverno e que pronto chegará a primavera, e con ela os paxariños, para facer os seus niños e ter os seus "bebés". 


  • Se xea no día das candeas, trinta días de xeo quedan.
  • Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra, chova ou deixe de chover, medio inverno está por pasar.


Ningún comentario:

Publicar un comentario