"Preséntoche o mundo. Preséntoche a aqueles que te precederon e o mundo do que vés, pero tamén outros universos para que teñas liberdade, para que non esteas demasiado sometida aos teus ancestros". Michèle Petit

xoves, 22 de marzo de 2018

SOPA VERDE

Era unha vez un coello ao que só lle gustaba o verde: leitugas verdes, brócolis verdes, coles verdes, chícharos verdes, espinacas verdes...

- Só me gusta o verde -repetía a todas horas.

Do mesmo xeito que o coello, gran parte das nenas e nenos prefiren os alimentos que coñecen, e rexeitan os novos. Un dos retos é conseguir que coman de forma equilibrada, xa que é esencial no seu crecemento e desenvolvemento físico e intelectual.

Sopa verde convértese nun recurso fiable para motivar a comer variado. Son animais (unha formiga, un rato, un parrulo, un gato, un porco, un burro e unha vaca) os que tratan de convencer, e non obstinados e aburridos adultos.

O libro tamén xoga coas cores e os números: unha miguiña de torta marrón, dous anaquiños vermellos de tomate, tres rebandas de pan branco, catro sardiñas grises, cinco...

Con todo, isto non é suficiente e será necesaria a intervención do moucho (símbolo da intelixencia e a astucia) para que o noso teimudo protagonista se decida a probar todos estes alimentos... nunha sopa verde!

Texto de Ângela Madeira. Ilustracións de Till Charlier. Tradución do portugués de Paco Liván.

No seguinte vídeo podedes escoitar como o contamos un día na nosa clase.

Ningún comentario:

Publicar un comentario